Friso de capela-ciborio de Santa Mariña de Ozo. Segunda testemuña de Xoán, ca. 1540. – Actress Images


Outros materiais dispersos por Cambados proceden de dous exemplares de capela-ciborio que tan comúns foron aproximadamente entre 1480 e 1550, con especial densidade no Salnés, O Ribeiro e o entorno do camiño real que os comunica. Con respecto á capela que formarían as pezas con historias de Xoán o Bautista, consta a existencia dunha confraría desta advocación a conta do testamento do pintor compostelán Jácome de Perlada do 04/12/1622 que cita Pérez Costanti, dependente do gremio dos zapateiros de Cambados, que lle debía 24 reais “por unas andas que le pinté para la procesión del Corpus”. Sendo coincidente o patrocinio da confraría coa advocación da capela, é moi posible que esta estivese nas mans do gremio dos zapateiros referido. Para Galicia non se ten descrito ningunha destas capelas-ciborio en relación con confrarías, pero si que podemos atopar algúns paralelos noutros puntos de Europa como a de Sant’Andrea di Bigonzo en Serravalle, feita no 1337 pola Confraternita dei Battuti para asistencia mutua e pública penitencia ou a da capela das Ánimas da igrexa de Santa Ana de Sevilla, feita para a confraría das Ánimas no 1570. As confrarías e gremios sempre supuxeron unha arma de dobre fío para a Igrexa, pois, por un lado, eran un claro facho de espallamento da piedade popular, pero polo outro con frecuencia tamén tiñan certo ánimo subversivo a ollos da xerarquía eclesial e señorial. De feito, a instancias do arcebispado sería redactado un documento real de Afonso X no ano 1253 titulado “Que se desaten las confrandias” para a Terra de Santiago, en previsión de que supuxesen un certo contrapoder: “Otrosi mando que non se fagan confradrías, nin iuras malas ningunas, nin ningunos malos ayuntamientos, que sean á danno de la térra et á mengua de mio sennorio, si non pora dar á comer a pobres, o pora luminaria, o pora soterrar muertos, o pora confuerços; et que se coma en casa del muerto; et non para otros paramientos malos”. Ao gremio de zapateiros compostelán, con esta intención, seríalle mesmo prohibida a construción dunha casa para as súas reunións por parte do rei en última instancia tras a oposición do señorío arcebispal no 1250.

A pesar de que o texto de Antonio de la Iglesia non é moi claro ao respecto, semella que aínda tivo ocasión de ver as dúas capelas-ciborio in situ no 1889, xa que describe os dous altares que abeiraban e parece aludir aos doseis: “Fuera de la capilla mayor y en los ángulos que se forman entre su arco toral y los muros laterales, al lado de cada púlpito se conservan las mesas de piedra de dos altares y forman á proporcionada elevación sus respectivos doseles de cantería en la fábrica”. Podemos atribuír a estas dúas capelas-ciborio, das que aínda se poden ver as pegadas dos encaixes no muro de acceso ao presbiterio, a ambos lados do arco, catro fragmentos de friso reutilizados no sineiro da capela do Hospital, un fragmento que se reutilizou para o pavimentado da costa do convento, se cadra tras a venda de materiais no 1845, outro fragmento de friso que se colocou nunha das capelas da igrexa de Santa Mariña tras a restauración de 1977, unha ménsula reutilizada nun valo da rúa da Parra que fotografei no ano 1990 e hoxe desaparecida, unha ménsula aínda no seu lugar orixinal e probablemente a figura do San Miguel que remataba o osario até mediados do século XX e agora está desaparecida. Semella evidente que os catro fragmentos da capela do Hospital, que noutro tempo formaban dous frisos case completos, pertencían á referida capela de Xoán o Bautista, xa que a lectura iconográfica é moi clara con dous episodios da súa lenda haxiográfica recollida no relato evanxélico. En concreto están representados, por unha parte, simultaneamente a predicación de Xoán o Bautista e a denominada segunda testemuña de Xoán , tema extraordinariamente raro en Galicia. Vestido coa túnica de pelello de camelo e manto, aparece en escena de predicación no deserto sobre un púlpito, facendo aceno coa man e con filacteria ondulante onde se lería o texto “Ecce Agnus Dei, ecce qui tollit peccata mundi” cun grupo de tres personaxes asistindo ás súas palabras estarricados sobre a verdura do arco conopial. No outro extremo do arco conopial, tras a macolla, aparece Xesús representado cos atributos do Salvador, con nimbo crucífero, dando beizón coa dereita e portando o globo terráqueo timbrado pola cruz; á súa beira está representado baixo o símbolo do Agnus Dei citado na filacteria, e finalmente unha figura de menor tamaño axeonllada e moi rozada, probablemente un anxo adorando ao seu señor. Por outra parte os outros dous fragmentos representan a escena do bautismo de Xesús e a manifestación da Trindade que se dá nese intre, aparecendo como personaxes Deus Pai imberbe tocado con tiara papal que dá beizón coa dereita e portando o globo timbrado pola cruz; a pomba que representa a forma máis etérea da Trindade, a do Espírito Santo; Xoán o Bautista axeonllado no intre de deitar auga sobre a testa de Xesús; Xesús dentro do río coas mans xuntas en xesto de oración para recibir o sacramento; e finalmente un anxo que se achega voando e que porta unha tea para o secado do bautizado. Forman estes catro anacos dous frisos do total de tres que compoñían a capela citada, que estaría soportada por dúas columnas na fronte e dúas ménsulas no muro, tendo conta todas estas pezas dun corpo piramidal que se adoita coroar cunha decoración vexetal formando un pináculo ou ben cun San Miguel, un santo ou a Virxe noutros casos. Estas pezas estaban tapiadas por un recebado de masa de cal e anacos de tella considerable que as ocultaba practicamente na súa totalidade. Nunha visita que fixen ao sineiro da capela no ano 1994 comprobei que se estaba fendendo ese recebado e que asomaba algunha figura, polo que o retirei coas mans sen dificultades, pois xa escachaba por todas partes. A sorpresa foi enorme, xa me vía eu como aquel Howard Carter asomado á tumba de Tut-ankh-amón. Se a min me preguntase un novo lord Carnarvon aquilo de: “Can you see anything?”, tamén respondería do mesmo xeito: “Yes, wonderful things”. Inmediatamente tomei unhas diapositivas (que vello sona agora). A mágoa é que aínda hoxe sigan aquí estas pezas singulares sen posibilidade dunha visión axeitada para o público.

Sindo Mosteiro, A Torre e a Sombra, 2018.

MÚSICA: Orlando Gibbons – Fancy for six viols, interpretado por L’Achéron.
youtu.be/8Ue-9-By-6Q

Posted by SINDO MOSTEIRO on 2021-02-01 21:26:53


Tagged:


Leave a Comment